Saturday 20 de April de 2024

A Casa Museo Casares Quiroga acolle unha escolma de obras do grupo de artistas Bacabú


A mostra permanecerá aberta desde mañá ata o 4 de setembro

Os pintores Bordell, Santiago Catalán, Jorge Espiral, e Xermán Refojo e o escultor Honorio compoñen un dos grupos lucenses máis representativos e singulares

A Casa Museo Casares Quiroga acolle desde mañá, 4 de agosto ata o 4 de setembro unha coidada escolma de obras do grupo de artistas lucenses Bacabú. O público coruñés terá a oportunidade de coñecer desta maneira o traballo dos artistas Bordell, Santiago Catalán, Jorge Espiral, Honorio e Xermán Refojo que, cunha dilatada traxectoria, coinciden ao fundar unha sala de exposicións no centro de Lugo no ano 1998 que ate o ano 2002 supuxo o punto de encontro da arte contemporánea galega máis representativa.

Os cinco artistas defínense a si mesmos como artistas que nadan a contracorrente, apostando pola creación manual na plástica e na escultura. Todos eles empezan na década dos 90 con traballos de banda deseñada, para participar posteriormente en exposicións colectivas. De maneira paralela a esta traxectoria expositiva, tamén participan en proxectos comúns como a edición dunha carpeta de obra gráfica.

Ao longo deses anos, estes artistas amosaron o seu traballo no seu espazo expositivo, tanto de maneira individual coma colectiva, empezando deste xeito unha traxectoria como grupo marcada pola fonda amizade entre eles e baixo a denominación de Bacabú. Bordell destaca por un estilo definido e apaixonado e chega ao mundo artístico desde o espazo do cómic e da interpretación, coa realización de performances e personaxes en diferentes películas. Participa en numerosas revistas como Atlántico ou Con todo Lugo de detalles. Instálase un tempo en Nova Iorque e volta a Lugo para desenvolver numerosos proxectos, tanto individuais coma colectivos.

Santiago Catalán é creador dunha elegante iconografía propia na que se integran as súas facetas de arquitecto, debuxante e pintor que combina dende o ano 1978. Dende esta data ten protagonizado Exposicións individuais e colectivas en lugares como a sala COAM de Madrid, o Kiosco Alfonso da Coruña, o Museo Provincial de Lugo ou o Salón internacional de outono de Xapón.

Jorge Espiral entra no mundo artístico tendo como mestre ao pintor lucense Blas Loures. Realiza a súa primeira exposición no ano 1988 na Deputación de Lugo. Dende ese momento, os seus traballos teñen viaxado a lugares como Madrid, Sevilla ou México.

Tamén é salientable o seu traballo de ilustrador para diferentes publicacións e actividades como a autoría do cartel da Semana de Cine de Autor de Lugo, entre outros. Honorio exprésase cunha escultura principalmente figurativa, procedendo a unha certa deconstrución do corpo humano. Son numerosas as sús exposicións en Galicia e Portugal, lugares aos que leva obras realizadas maioritariamente en xeso especial para escultura.

Xermán Refojo, un artista figurativo coñecedor de numerosas técnicas que traslada ás súas obras, onde mistura unha visión pop da existencia cunha reflexión irónica. É tamén un artista cunha fonda traxectoria expositiva en Galicia e Portugal e na que, coincidindo cos surrealistas, o título dos seus traballos e a composición intégranse nun todo.